Friday 26 de April de 2024

O autor Xesús Fraga protagoniza o acto central do Día do Libro con motivo do Festival Primaletras


O encontro terá lugar mañá mércores ás 18.30 horas no auditorio do Ágora

O Festival Primaletras continuará coa súa programación, poñendo fin á celebración con motivo do Día do Libro, que comezou o venres 22 de abril co Batallón literario de Nelson Quinteiro polas rúas da cidade, e que contou tamén coa participación da escritora Bibiana Candia o pasado martes 26. O auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá o encontro literario con Xesús Fraga dos clubs de lectura da rede de Bibliotecas Municipais o vindeiro mércores 4 de maio ás 18.30 horas, como acto central e final da celebración do Día do Libro. Contará ademais coa participación da escritora Antía Yáñez, a bibliotecaria Luisa Lis e Lorena Gómez como moderadora.

O escritor e periodista Xesús Fraga foi galardoado co Premio Nacional de Literatura en 2021 pola obra “Virtudes (e misterios)”, novela que lle valeu tamén o Premio Blanco Amor de Novela 2019 e o Premio da Crítica de Galicia. Nesta obra magna da súa literatura somérxese no mundo dos expatriados e emigrantes, e céntrase na historia dunha familia das Mariñas coruñesas, e máis concretamente da avoa Virtudes. Historia que viviu moi de cerca como familia de emigrantes e nacido en Reino Unido.

Licenciado en Xornalismo pola Universidade Pontificia de Salamanca, traballou en canles galegas como Radio Voz, e desenvolveu a súa actividade profesional dende 1997 no diario galego La Voz de Galicia. No ámbito da escritura, comeza a súa andadura na narrativa coa obra “Tute para catro” (2020), e destacan obras como “Reo” (2013), que lle valeu o recoñecemento da crítica co Premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil, o conxunto de relatos “A-Z” (2003) ou a novela “Simón” (2004).

Fraga estará acompañado pola escritora Antía Yáñez, escritora tanto de xénero infantil como adulto, que destaca por obras como “O misterio de Portomarín” (2016) ou “Senlleiras” (2018), galardoada co premio literario Illa Nova.

A entrada será de balde ata completar a capacidade. Pode consultarse máis información na web das Bibliotecas Municipais ou no programa do Primaletras.